venres, 26 de xullo de 2024

Obras mestras de Terra Santa

 

Franciscanos en Xerusalén

Obras mestras do Terra Sancta Museum


Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum é unha exposición internacional que achega a Santiago de Compostela o extraordinario e pouco coñecido tesouro artístico do Terra Sancta Museum de Xerusalén. 

Inaugurada o pasado 22 de marzo aínda pode verse ata o próximo 4 de agosto, no segundo andar do Gaiás, na Cidade da Cultura. 

As visistas son gratuítas, de martes a domingo en horarios de 10 a 20 h.

Pezas únicas de incalculable valor que foron custodiadas durante máis de 800 anos, desde a chegada dos franciscanos a Palestina, pero que raramente puideron ser vistas polo gran público. A mostra permite tamén percorrer a historia da Basílica do Santo Sepulcro e o papel da Custodia de Terra Santa, a comunidade de frades da Orde de San Francisco que se asume como gardiá deste singular patrimonio arqueolóxico, artístico e litúrxico.




Custodia Franciscana de Terra Santa é o nome co que se coñece á provincia da Orde Franciscana que se encarga da administración dos lugares cristiáns en Xerusalén, da recepción de peregrinos, e de atender ás comunidades cristiás locais. O proxecto do Terra Sancta Museum naceu coa vontade de dar maior visibilidade á historia da presenza cristiá na Terra Santa e como un lugar de encontro e diálogo entre distintas relixións. Consta dun núcleo arqueolóxico no Convento da Flaxelación, onde xa exhibe as súas coleccións, e dun núcleo histórico-artístico, que amosará o Tesouro do Santo Sepulcro así como coleccións de arte cristián oriental no convento de San Salvador.

Etiquetas: , ,