Festa do Pemento de Herbón
Pementos na carballeira do Convento
Este sábado, 3 de agosto, celébrase a Festa do Pemento de Herbón, declarada de Interese Turístico de Galicia e dedicada á exaltación deste produto.
A festa celébrase desde 1978.
A carballeira do convento dos Franciscanos é o escenario onde se rende homenaxe aos saborosos pementos, que, fritos e ben sazonados con sal, son os reis do costume de ir de tapas máis típico de Galicia, entre viandas varias e frituras de peixe.
Aquí, tras un
vistoso desfile de tractores engalanados, ten lugar o pregón da festa e o
nomeamento das novas damas e novos cabaleiros da Orde do Pemento de Herbón.
Esta recoñece, ademais, cos seus respectivos distintivos, os labores de
promoción de entidades, persoas ou establecementos hostaleiros, así como o
traballo realizado no seu cultivo.
A xornada festiva complétase cunha ampla programación: misa
campestre, inauguración e bendición da festa; desfile agrícola ata Padrón,
recepción das autoridades e ofrenda floral á escultura da Pementeira; lectura
do pregón; entrega dos Pementos de Prata e dos premios Novo Pementeiro e Sabio
Pementeiro; entrega de premios aos tractores engalanados; degustación gratuíta
dos pementos de Herbón; música e verbena.
Ao longo do día, a organización reparte ao redor de 3.000 kg
de pementos entre os centos de asistentes, que tamén gozan da degustación de
polbo e churrasco nas carpas instaladas á sombra da carballeira.
Pulsar sobre a imaxe para agrandar |
O inicio do cultivo do pemento en Galicia asóciase ás
sementes traídas desde o estado mexicano de Tabasco polos monxes Franciscanos
ao convento de Herbón, no Século XVII.
O proceso de selección das variedades e as prácticas
culturais de recolección precoz comezan entón, transmitíndose desde a
comunidade monacal aos agricultores da súa área de influencia, conformando un
sistema de produción altamente especializado, no que a semente era transmitida
como ben parafernal (formando parte da dote) e nunca fóra da zona de produción.
<< Inicio