xoves, 1 de agosto de 2024

Festa do Pemento de Herbón

 

Pementos na carballeira do Convento

 


Este sábado, 3 de agosto, celébrase a Festa do Pemento de Herbón, declarada de Interese Turístico de Galicia e dedicada á exaltación deste produto. 

A festa celébrase desde 1978.



A carballeira do convento dos Franciscanos é o escenario onde se rende homenaxe aos saborosos pementos, que, fritos e ben sazonados con sal, son os reis do costume de ir de tapas máis típico de Galicia, entre viandas varias e frituras de peixe. 

Aquí, tras un vistoso desfile de tractores engalanados, ten lugar o pregón da festa e o nomeamento das novas damas e novos cabaleiros da Orde do Pemento de Herbón. Esta recoñece, ademais, cos seus respectivos distintivos, os labores de promoción de entidades, persoas ou establecementos hostaleiros, así como o traballo realizado no seu cultivo.


Así foi a de 2017 (video)

A xornada festiva complétase cunha ampla programación: misa campestre, inauguración e bendición da festa; desfile agrícola ata Padrón, recepción das autoridades e ofrenda floral á escultura da Pementeira; lectura do pregón; entrega dos Pementos de Prata e dos premios Novo Pementeiro e Sabio Pementeiro; entrega de premios aos tractores engalanados; degustación gratuíta dos pementos de Herbón; música e verbena.

Ao longo do día, a organización reparte ao redor de 3.000 kg de pementos entre os centos de asistentes, que tamén gozan da degustación de polbo e churrasco nas carpas instaladas á sombra da carballeira.

Pulsar sobre a imaxe para agrandar


O inicio do cultivo do pemento en Galicia asóciase ás sementes traídas desde o estado mexicano de Tabasco polos monxes Franciscanos ao convento de Herbón, no Século XVII.

O proceso de selección das variedades e as prácticas culturais de recolección precoz comezan entón, transmitíndose desde a comunidade monacal aos agricultores da súa área de influencia, conformando un sistema de produción altamente especializado, no que a semente era transmitida como ben parafernal (formando parte da dote) e nunca fóra da zona de produción.

Etiquetas: , ,