En Tui, polo camiño compartido
Festividade de Santa Clara
Camiños que se cruzan de novo
En Tui, este 12 de agosto, os nosos camiños volvéronse cruzar. Camiños que son metáfora da fraternidade forxada polos alumnos que, fose cal fose o momento que nos levou ao Seminario Franciscano de Herbón, deixaron en nós unha unión inseparable de irmandade. Agora, noutro tempo histórico, esa fraternidade permítenos reencontros e xuntanzas que nos levan a transitar de novo aquel sendeiro de lembranzas e amizade.
En Tui, no marco da festividade de Santa Clara (2024),
xuntámonos unha vez máis. A xornada dividíuse en dous momentos: unha primeira
parte reservada aos antigos alumnos de Herbón e as súas familias, que incluiu
visitas turísticas pola cidade e á veciña Valença do Minho, seguida dunha
comida no comedor do Seminario.
Durante o xantar, tivemos a ocasión de felicitar a dous
destacados antigos compañeiros de Herbón: Frei Martín Carbajo, polo 50º
aniversario da súa profesión de votos, coa que iniciou a súa vida consagrada.
Tamén felicitamos a Monseñor Rodríguez Carballo, quen o día anterior, 11 de
agosto, cumpriu 71 anos. Este aniversario foi a ocasión para que, o actual arcebispo de Mérida-Badaxoz, compartise con
nós unha emotiva intervención, que se resume así:
Graciñas, unha palabra fermosa da nosa lingua galega. Esta é a primeira vez que nos xuntamos desde o meu ingreso na diocese de Mérida-Badaxoz, un momento que quedará gravado na miña memoria, pois moitos de vós estiveches presentes naquela ocasión. Sei que a viaxe foi dura e incómoda, xa que Estremadura, malia ser un paraíso, obríganos a pasar polo purgatorio antes de chegar.
Tanto
eu como os estremeños, especialmente os curas, lembramos con agarimo aquel
peculiar concerto na catedral, no que tamén tiven a honra de participar. Todo
aquel acto foi un momento moi especial, marcado por dous elementos que deixaron
unha fonda impresión: a Real Banda de Gaitas ourensá e as vosas voces a coro da
nosa irmandade.
Hoxe,
oficiarei a eucaristía por esta irmandade que compartimos, unha irmandade que
vén de lonxe e que debemos seguir mantendo viva. Sabede que todos seredes
sempre benvidos na casa da diocese que hoxe presido. Por todo: Graciñas.
Pola tarde, o acto abriuse á comunidade das relixiosas que habitan o convento, onde se celebrou unha cerimonia relixiosa aberta a toda a comunidade local.
Este evento será obxecto de información aparte.
Etiquetas: Alumnos, Cerlebracións, Tui
<< Inicio