Rico: Paixón pola lingua e a música galega
Manuel
Rico Verea
Paixón pola lingua e a música galega
O Convento de Herbón, co seu encanto singular, sempre exerceu unha atracción especial sobre os alumnos do Seminario Franciscano, inculcándolles non só o amor polo coñecemento, senón tamén unha paixón profunda pola música. Un exemplo vivo desta influencia é Manuel Rico Verea (Boimorto, 1948), quen segue a camiñar na senda marcada por figuras coma Manuel Feijoo.Rico Verea é un deses
compañeiros antigos que, hoxe, forma parte do imaxinario “pórtico da
gloria musical galega”, un concepto que poderiamos visualizar como unha
entrada simbólica á catedral cultural do país, onde, xunto ás grandes figuras
da música tradicional, non poden faltar persoas como el.
Rico ten detrás de si, un moi extenso
e impagábel expediente de servizo no
proceso de normalización da lingua galega coa súa actividade pedagóxica e no seu destino na administración do ensino
galego, na inspección educativa, na subdirección xeral de política lingüística (1983-85)
e, desde o ano 1988 ata a conclusión da actividade laboral no 2011, como xefe
do Gabinete de Normalización Lingüística da Consellería de Educación e O.U,
na Coruña.
Ademais, Manuel Rico é un animador incansable da fraternidade que se forxou a través dos reencontros anuais dos antigos alumnos de Herbón, agora organizados pola ASAFA, Asociación Sociocultural, da que forma parte activa.
Con voz prodixiosa, en moitas
ocasións dirixiu o coro Schola Cantorum Herbonensis, demostrando
que a súa paixón pola música continúa intacta.
Seminario de Herbón, curso 1963-1964 |
Un currículo extenso e variado
Dende a escola na súa parroquia natal chegou a Herbón para realizar os estudos do antigo bacharelato e continuou aínda co trienio de filosofía en Compostela para, finalmente, cursar maxisterio na Escola “Pablo Montesinos” de Madrid e acceder directamente á función docente que primeiro foi nesa provincia e logo no País Vasco ata retornar a Galicia en 1978.
Así e todo, o seu labor máis destacado circunscríbese aos
traballos de investigación sobre o cancioneiro galego de tradición oral, á realización
de documentos sonoros para diferentes editoriais e á creación de cancións
infantís galegas.
Así mesmo, é tradutor, coordinador de coleccións literarias (“Contos da media lúa” de Algaida, e o “Trasniño verde” da editorial Anaya) e de suplementos culturais.
Formou parte do grupo musical A
Quenlla e e actualmente dirixe un taller experimental de música
tradicional con Nani García.
Obra divulgativa e didáctica.
Entre as súas publicacións didácticas e os documentos
sonoros de cancións para a escola destacan: O puff (1980), “Cantares” e “A pulguiña e o pulgón” (1983); Cancións, contos e adiviñas. (1989);
Arrolín,
arrolan (1994) “Vente vindo, ven cantando” (1996).
No ano 2000 o documento sonoro “Cantos de berce tradicionais” e no 2018 o cancioneiro infantil para
dicir, contar e cantar, Eu ben vin, virivín; que compendia as
prosodias, as rimas, os recitativos e as fórmulas máxicas máis representativos
do cancioneiro de tradición oral.
Tamén publica o Cancioneiro popular das terras do Tamarela, traballo
de investigación etnomusicográfica; Imos canta-los nadais e Tantarantán,
tarantán tarantiña, escolma de rimas,
e outras lerias para recitar, saltar, contar e contar; Eu
non canto por cantar, cancioneiro xeral de Galicia, Heiche
cantar un conto, cancioneiro infantil.
Premios.
O traballo máis intenso no ámbito musical encadrase no
estudio e investigación da etnomusicoloxía tradicional galega. Sobre esta
materia impartiu conferencias, participou en congresos de música tradicional,
escribiu na prensa e realizou programas de radio en RNE acadando diferentes
premios:
- Premio do Ministerio de Cultura á mellor labor
continuada no ano 1985 e Premio do Ministerio de Cultura ó
mellor programa radiofónico no ano 1987 nos certames de prensa, radio
e televisión sobre arte e tradicións populares.
- Premio Xunta de Galicia de xornalismo polo mellor programa musical do ano 1998 que se emitiu durante os anos 1987-88 en Radio nacional de España en Galicia e que produciu e dirixiu coa coñecida sintonía de “Vente vindo, ven cantando”.
Presentación en Pontevedra
do “Canto popular gallego”
Agora,
co patrocinio compartido do tamén antigo alumno de Herbón, Rogelio G. “Escaleira”,
publícase “Canto popular gallego” (Colección de temas musicais e
coplas galegas, 1940), de frei Luís María Fernández Espinosa,
nunha edición comentada por Manuel Rico Verea e con prólogo de frei Juan Manuel
Buxán, ministro provincial franciscano.
Para
o martes, 8 de outubro, ás 20 horas, está prevista a
presentación en Pontevedra, localidade na que desenvolveu a súa intensa
actividade frei Luís María, nun acto no que Manuel Rico estará acompañado por
José Antonio Castiñeira, Gardián do convento de San Francisco.
Con
anterioridade, o pasado 24 de xuño, no Convento de San Francisco de Compostela,
realizouse a presentación pública da publicación. No acto, Manuel Rico estivo
acompañado por frei Juan Manuel Buxán e por Miguel Anxo Seixas, Presidente da
Fundación Castelao.
Antes,
o 13 de xuño, no marco do xantar celebrado polos antigos alumnos do Seminario
de Herbón no día de Santo Antón, xa tivemos a ocasión de coñecer esta magnífica
edición e de ser agasallados cun exemplar dedicado por Rico Verea.
Etiquetas: Alumnos, ASAFA, Libros, Manuel Rico