sábado, 5 de outubro de 2024

Rico: Paixón pola lingua e a música galega

Manuel Rico Verea

Paixón pola lingua e a música galega

O Convento de Herbón, co seu encanto singular, sempre exerceu unha atracción especial sobre os alumnos do Seminario Franciscano, inculcándolles non só o amor polo coñecemento, senón tamén unha paixón profunda pola música. Un exemplo vivo desta influencia é Manuel Rico Verea (Boimorto, 1948), quen segue a camiñar na senda marcada por figuras coma Manuel Feijoo.

Rico Verea é un deses compañeiros antigos que, hoxe, forma parte do imaxinario “pórtico da gloria musical galega”, un concepto que poderiamos visualizar como unha entrada simbólica á catedral cultural do país, onde, xunto ás grandes figuras da música tradicional, non poden faltar persoas como el.

Rico ten detrás de si, un moi extenso e impagábel expediente de servizo no proceso de normalización da lingua galega coa súa actividade pedagóxica e no seu destino na administración do ensino galego, na inspección educativa, na subdirección xeral de política lingüística (1983-85) e, desde o ano 1988 ata a conclusión da actividade laboral no 2011, como xefe do Gabinete de Normalización Lingüística da Consellería de Educación e O.U, na  Coruña.

Ademais, Manuel Rico é un animador incansable da fraternidade que se forxou a través dos reencontros anuais dos antigos alumnos de Herbón, agora organizados pola ASAFA, Asociación Sociocultural, da que forma parte activa. 

Con voz prodixiosa, en moitas ocasións dirixiu o coro Schola Cantorum Herbonensis, demostrando que a súa paixón pola música continúa intacta.

Seminario de Herbón, curso 1963-1964


Un currículo extenso e variado

Dende a escola na súa parroquia natal chegou a Herbón para realizar os estudos do antigo bacharelato e continuou aínda co trienio de filosofía en Compostela para, finalmente, cursar maxisterio na Escola “Pablo Montesinos” de Madrid e acceder directamente á función docente que primeiro foi nesa provincia e logo no País Vasco ata retornar a Galicia en 1978.

Alumnos de 6º de EXB dirixidos por Manuel Rico Verea

Así e todo, o seu labor máis destacado circunscríbese aos traballos de investigación sobre o cancioneiro galego de tradición oral, á realización de documentos sonoros para diferentes editoriais e á creación de cancións infantís galegas.

Así mesmo, é tradutor, coordinador de coleccións literarias (“Contos da media lúa” de Algaida, e o “Trasniño verde” da editorial Anaya) e de suplementos culturais. 

Formou parte do grupo musical A Quenlla e e actualmente dirixe un taller experimental de música tradicional con Nani García.


Obra divulgativa e didáctica.

Entre as súas publicacións didácticas e os documentos sonoros de cancións para a escola destacan: O puff (1980),Cantares” e  A pulguiña e o pulgón” (1983); Cancións, contos e adiviñas. (1989); Arrolín, arrolan (1994) “Vente vindo, ven cantando” (1996). No ano 2000 o documento sonoro “Cantos de berce tradicionais” e no 2018 o cancioneiro infantil para dicir, contar e cantar, Eu ben vin, virivín; que compendia as prosodias, as rimas, os recitativos e as fórmulas máxicas máis representativos do cancioneiro de tradición oral.

Música Relixiosa Galega (Manuel Rico Verea-Ana Mª Fdez.)

Tamén publica o Cancioneiro popular das terras do Tamarela, traballo de investigación etnomusicográfica; Imos canta-los nadais e Tantarantán, tarantán tarantiña, escolma de rimas,  e  outras lerias  para recitar, saltar, contar e contar; Eu non canto por cantar, cancioneiro xeral de Galicia, Heiche cantar un conto, cancioneiro infantil.

Premios.

O traballo máis intenso no ámbito musical encadrase no estudio e investigación da etnomusicoloxía tradicional galega. Sobre esta materia impartiu conferencias, participou en congresos de música tradicional, escribiu na prensa e realizou programas de radio en RNE acadando diferentes premios:

  • Premio do Ministerio de Cultura á mellor labor continuada no ano 1985 e Premio do Ministerio de Cultura ó mellor programa radiofónico no ano 1987 nos certames de prensa, radio e televisión sobre arte e tradicións populares.
  • Premio Xunta de Galicia de xornalismo polo mellor programa musical do ano 1998 que se emitiu durante os anos 1987-88 en Radio nacional de España en Galicia e que produciu e dirixiu coa coñecida sintonía de “Vente vindo, ven cantando”.


Presentación en Pontevedra 

do “Canto popular gallego”

Agora, co patrocinio compartido do tamén antigo alumno de Herbón, Rogelio G. “Escaleira, publícase “Canto popular gallego” (Colección de temas musicais e coplas galegas, 1940), de frei Luís María Fernández Espinosa, nunha edición comentada por Manuel Rico Verea e con prólogo de frei Juan Manuel Buxán, ministro provincial franciscano.


Para o martes, 8 de outubro, ás 20 horas, está prevista a presentación en Pontevedra, localidade na que desenvolveu a súa intensa actividade frei Luís María, nun acto no que Manuel Rico estará acompañado por José Antonio Castiñeira, Gardián do convento de San Francisco.

Con anterioridade, o pasado 24 de xuño, no Convento de San Francisco de Compostela, realizouse a presentación pública da publicación. No acto, Manuel Rico estivo acompañado por frei Juan Manuel Buxán e por Miguel Anxo Seixas, Presidente da Fundación Castelao.

Antes, o 13 de xuño, no marco do xantar celebrado polos antigos alumnos do Seminario de Herbón no día de Santo Antón, xa tivemos a ocasión de coñecer esta magnífica edición e de ser agasallados cun exemplar dedicado por Rico Verea.

Etiquetas: , , ,

luns, 29 de xullo de 2024

Canto popular gallego

 

Canto popular gallego



Manuel Rico (Boimorto, 1948), compañeiro de formación no Seminario Francisco, exerceu a docencia en varios lugares, inicialmente fóra de Galicia. Ao regresar, implicouse no proceso de normalización da lingua galega. Este compromiso coa cultura propia levouno a desenvolver unha intensa actividade de creación, investigación e publicación de obras sobre a lingua e a literatura galegas, así como sobre a música tradicional, enfocándose na súa aplicación pedagóxica.

Pola súa actividade cultural na radio e na prensa, recibiu varios premios: o Premio do Ministerio de Cultura ao mellor labor cultural continuado en 1985, o Premio do Ministerio de Cultura ao mellor programa radiofónico en 1987 e o Premio Xunta de Galicia de xornalismo polo mellor programa musical en 1989 (RNE Galicia).

Agora, co patrocinio compartido do tamén antigo alumno de Herbón, Rogelio G. Escaleira, publícase “Canto popular gallego” (Colección de temas musicais e coplas galegas, 1940), de frei Luís María Fernández Espinosa, nunha edición comentada por Manuel Rico Verea e con prólogo de frei Juan Manuel Buxán, ministro provincial franciscano.

Rico Verea, J.M. Buxán e Miguelanxo Seixas


O pasado 24 de xuño, no Convento de San Francisco de Compostela, realizouse a presentación pública da publicación. No acto, Manuel Rico estivo acompañado por frei Juan Manuel Buxán e por Miguel Anxo Seixas, Presidente da Fundación Castelao.

Antes deste acto formal, o 13 de xuño, no marco do xantar celebrado polos antigos alumnos do Seminario de Herbón no día de Santo Antón, xa tivemos a ocasión de coñecer esta magnífica edición e de ser agasallados cun exemplar dedicado por Rico Verea.

Etiquetas: , ,