Domingo Barreiros: Música humilde con alma
Esclavina - 2022
Domingo Barreiros: Música humilde con alma
O 14 de maio de 2022, durante o reencontro anual dos alumnos
de Herbón celebrado en Ponferrada, Domingo Barreiros foi honrado coa
"esclavina de prata", un recoñecemento á súa entrega desinteresada en
beneficio da asociación ASAFA.
Domingo Barreiros Lago (Louro-Muros, 1942) foi alumno do Seminario de Herbón, onde cursou o Bacharelato. Abandonou esta institución en 1960 para continuar por libre a carreira de Maxisterio en Santiago, acadando posteriormente a licenciatura en Filoloxía.
En 1963 gañou a praza de docente e
exerceu en Outes, Noia, Carnota e Sobrado dos Montes. Durante anos, foi mestre
propietario dunha escola de nenos no Freixo (Outes) e noutros colexios da
contorna, labor que compaxinou coa súa faceta de músico.
Como músico, foi membro da Orquestra Los Romero e director
de diversas corais, como o Orfeón Ría de Muros, a Coral "Agustín
González" de Louro, o Club de Xubilados de Porto do Son, o Liceo de Noia,
a Coral "Francisco Añón" de Outes, a Coral "Don Diego de
Muros", a Coral "San Xoán de Serres" e a Coral Xuvenil
"Solpor de O Freixo", ademais de colaborar puntualmente coa Schola
Cantorum Herbonense, formada por antigos alumnos do Seminario.
A súa formación musical iniciouse en Herbón e continuou no Conservatorio de Santiago, influenciado polo seu paisano Manuel Ángel Viro Caamaño e por Manuel Feijóo Souza, fundador do Orfeón "Terra a Nosa".
Ademais de dirixir corais, Domingo Barreiros destacou pola súa contribución á
composición, especialmente no ámbito da música galega, poñendo en valor a obra
cultural e poética de autores en lingua galega.
Entre os recoñecementos que recibiu, destaca a Medalla da
Vila de Muros en outubro de 2002, pola súa contribución á promoción e difusión
da música coral na comarca. Aínda que el, na súa modestia, se declarou non
merecedor de tal distinción, o recoñecemento foi ben merecido.
En maio deste ano 2024, en Outes, foi nomeado Fillo Predilecto nun
acto que destacou a súa pegada humana, social e solidaria, sementando paixón e
coñecementos musicais alí por onde pasou.
Etiquetas: Alumnos, Domingo Barreiros, Esclavina