Unha palmeira senlleira
Patrimonio natural do Convento
Unha palmeira senlleira
No espazo natural das cinco hectáreas que abrangue o convento de Herbón, medra unha palmeira datileira (Phoenix dactylifera) plantada en 1900, que está incluída no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras co código 66A.Segundo algúns
documentos antigos, esta árbore é sucesora doutras que existiron no mesmo
lugar, na súa orixe histórica traídas desde Palestina polo frade Juan Rodríguez
de Padrón na Idade Media.
No verán de 2010, coincidindo co encontro anual, os antigos alumnos do Seminario Franciscano de Herbón fixemos posible, grazas ás nosas aportacións económicas, a plantación dunha nova palmeira datileira para completar a parella orixinal do xardín do convento. A outra palmeira desaparecera na década dos anos cincuenta debido a un gran temporal de chuvia e vento en 1952. Esta nova plantación foi realizada co asesoramento do botánico Carlos Rodríguez Dacal.
As árbores senlleiras son aquelas que, polas súas
características extraordinarias, destacan sobre o resto. Estas particularidades
poden referirse á súa idade, tamaño ou outra “rareza” que converte ao exemplar,
ou grupo de exemplares, en auténticas reliquias botánicas. En Galicia contamos
con numerosos exemplos deste tipo de árbores, que non necesariamente son
autóctonas. Moitas delas atópanse en xardíns, onde engaden un valor especial ao
contorno.
Estas árbores senlleiras están protexidas pola súa inclusión
no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, regulado polo Decreto 10/2015, do 22
de xaneiro, que modifica o Decreto 67/2007, do 22 de marzo. Esta protección
legal garante, en principio, a súa conservación. As árbores e formacións
senlleiras incluídas no catálogo considéranse protexidas a todos os efectos, o
que implica a prohibición de calquera acción que poida afectar negativamente a
súa integridade, saúde ou aparencia. Ademais, esta protección esténdese ao seu
ámbito inmediato, e os propietarios, contarán con axuda oficial
para o seu coidado.
A Horta e o Bosque
O convento de Herbón está rodeado por unha muralla de 825
metros de lonxitude, que case circunda por completo os seus terreos. Dentro
deste espazo atopamos, ademais das construcións, un extenso terreo de horta,
verxel e bosque.
Na horta do convento medraron os primeiros pementos de
Herbón. Sábese que foron os frades quen trouxeron de América unha
especie de “guindilla” que se adaptou a estas terras, transformándose no famoso
pemento de Herbón. Desde aquí, o cultivo estendeuse ás leiras dos veciños, que
aínda hoxe seguen cultivando esta variedade con éxito. Herbón foi tamén un dos
primeiros lugares de Galicia onde se cultivou a pataca.
Destaca, ademais, unha grande masa de árbores frondosas,
principalmente carballos e sobreiras, que medran no perímetro da propiedade conventual.