xoves, 1 de agosto de 2024

Reza Cabano: O legado dun mestre


A pegada das Habaneras:

O legado dun mestre coral

Xosé Luís Reza Cabano, alumno franciscano dos Seminarios de Herbón, Ponteareas e Compostela, desenvolveu nestes centros a súa innata inclinación pola música.

Os camiños da vida levárono aos estudos e ao exercicio da docencia, incluíndo os do Conservatorio de Música en Solfexo, Teoría da Música, Transposición e Acompañamento. Destacou pola súa entrega ao solfexo, ao teclado e ao canto, inicialmente como tiple, logo como tenor, e rapidamente como director suplente e, posteriormente, titular das Schola Cantorum dos distintos centros onde realizou as súas etapas académicas.

Foi director de varios grupos corais, aos que a miúdo forneceu de repertorio propio, grazas ás súas destacadas dotes de composición, especialmente de melodías. Entre estas agrupacións destacan as galegas do Porriño-Atios, Taboada e o Orfeón do Carballiño.


Presentación do libro (video)


A corporación municipal do Concello do Carballiño acordou por unanimidade renderlle homenaxe, dedicándolle un espazo singular na Casa da Cultura. O acto, celebrado no pasado mes de xuño, contou coa presenza de Reza Cabano, acompañado pola coral, amigos, familia e unha garimosa representación dos alumnos de Herbón, a través de ASAFA. 

Un ano antes, tamén na súa honra, publicouse o volume imprescindible da súa obra completa baixo o título "Pezas de Música Coral".



A coral do Orfeón do Carballiño, nacida da man de Reza Cabano en 1993 con vinte e catro coristas, chegou a contar con corenta e cinco voces mixtas. Esta coral organiza o anual Festival de Habaneras da localidade, un legado do impulso de Reza, que acaba de celebrar a súa 30ª edición, mantendo viva a memoria deste director inesquecible.


Etiquetas: , ,